Respecto a aspectos que afectan directamente a Randufe, o Concelleiro Pablo Alonso do PSOE, na quenda de Rogos e Preguntas informou e recordou actuacion urxentes pendentes propostas pola Asociacion de Vecinos de Randufe e recollidos no noso Blog,
1. Limpieza e Desbroce periodico da zona de Marquesina sita na Pousa do Bispo
2. Solucion permanente para un Burato de grandes dimensions na zona do Outlet.
3. Reparacion dun muro caido e que afecta a seguridade na zona das Bornetas
Fuente Galicia Suroeste,
A problemática do CEIP nº2 marca o pleno ordinario en Tui
Dúas horas e media durou o pleno ordinario celebrado o xoves pola corporación municipal de Tui. Unha sesión que en boa parte estivo centrada nas reivindicacións de seguridade que fan os pais e nais do CEIP nº2. Precisamente antes do pleno tiña lugar unha concentración de pais e alumnos do centro na praza do Concello, na que infomaron que a técnica da Xunta xa presentou ao Xefe Territorial de Educación o proxecto de pechar o centro pola avenida da Concordia. E con respecto ao concello dicían que había dúas novidades, por unha parte que xa puxeron un peche novo na porta de abaixo, e por outra que operarios municipais estiveron onte no colexio para arranxar a valla que separa o centro do Conservatorio, e pór unha pechadura na porta da propia valla. Pero estes arranxos non satisfacen aos pais que piden “as cousas ben feitas” e un plan integral de seguridade. Tamén solicitaban que os pais non entren cos coches no recinto escolar xa que está prohibido.
Ata a porta do Concello achegouse o alcalde que se dirixiu aos presentes para informarlles que “se está traballando” nas súas demandas, e manifestar que agarda a próxima semana contar cun proxecto que tamén se está elaborando.
A continuación os pais e os nenos dirixíronse ao salón de sesións, ateigándoo completamente para asistir ao pleno que se ía celebrar.
Na quenda de mocións de urxencia PSOE e BNG presentaron unha moción conxunta solicitando do pleno unha serie de compromisos a executar antes do 30 de agosto no CEIP nº2 relacionados coas reivindicacións feitas polos pais. A urxencia prosperou e tras unha primeira quenda de intervencións o pleno foi suspendido durante 30 minutos nos que os edís se retiraron á sala de reunións do concello para consensuar un texto que saíu adiante por unanimidade. Finalmente a moción aprobada recolle o compromiso do Concello para arranxar o perímetro do valado do colexio e instar á Xunta para substituílo por un novo; reforzar a porta de abaixo para garantir que todo o perímetro estea pechado, así coma obrigar aos propietarios dos terreos lindeiros a ter as súas fincas limpas para evitar a proliferación de maleza ou de animais perigosos coma ratas ou serpes. Tamén na proposta recóllese estudar un plan de regulación do tráfico para o colexio que inclúa semáforos, pasos de peóns e a presenza da policía local nas entradas e saídas do nenos e nenas. Por último contémplase tamén a presenza da policía local nas fins de semana para evitar botellóns no recinto escolar ou que accedan ao mesmo estraños.
Na quenda de rogos e preguntas do público os pais e os propios nenos interpelaron ao Alcalde sobre distintas cuestións relacionadas co centro comprometéndose o rexedor a que o representante municipal no Consello Escolar non volverá faltar ás reunións, e amais informaba que a próxima semana terán o informe sobre o Plan de Seguridade no centro encargado polo propio Concello.
A Corporación aprobou retomar os trámites para a elaboración do PECH
No pleno ordinario de maio celebrado pola corporación municipal quedou aprobado por trece votos a favor e dous en contra unha moción do BNG emendada por Acción Tudense na que se recolle que se retome o expediente para a elaboración do Plan Especial do Conxunto Histórico. No debate do punto fíxose fincapé na importancia de contar con este planeamento, indicando Laureano Alonso do BNG que o casco histórico tudense é un referente en Galicia ao ser o segundo en importancia, logo do de Santiago de Compostela. Engadía que hai traballos feitos en canto a fichas de edificios, e que a documentación está no concello dende 2001. Sinalaba que ante a tardanza na aprobación do PXOM é interesante ter o PECH para as persoas que teñan vivendas ou queiran comprar no casco histórico.
Dende o PSOE Pablo Alonso expuña que a documentación do PECH está feita dende 2001 e custou moitos cartos, preguntándose polo prezo de nove anos de retrasos neste planeamento. Juan Miguel Diz Guedes de TUI expuña que o PECH é unha das urxencias de Tui, e que nada é incompatible co PXOM, polo que sinalaba que “o mellor investimento que podemos facer é iniciar o concurso para a contratación do equipo redactor”. Manifestaba por último que “quedariamos moi satisfeitos do inicio do proceso e que poida estar concluído antes de que finalice o ano, para que a próxima corporación teña os documentos necesarios para aprobar o PECH no seu momento”.
Por último dende Acción Tudense Miguel Capón lembrou que a aprobación do avance do Plan Especial do Conxunto Histórico aprobouse en 1996 e que entre finais de 1997 e comezos de 1998 estaba feito o catálogo de edificios e as fichas de cada unha dos edificios e solares tanto do conxunto histórico coma da zona de respecto, sen que iso lle custase nada ao Concello porque tivo daquela unha subvención da Xunta de Galicia.
Por unanimidade aprobouse inicialmente no pleno ordinario de maio a Ordenanza reguladora das axudas de rehabilitación de edificios, vivendas e urbanización no ámbito da Área de Rehabilitación do Concello de Tui na súa oitava fase. O obxectivo segundo explicaba o Alcalde é pór en marcha as subvencións establecidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e polo Ministerio de Vivenda.
Por unanimidade aprobouse tamén a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de ensinanzas especiais para recoller o suposto de dobre matriculación no Conservatorio de tal xeito que os alumnos matriculados en dous instrumentos, do segundo paguen só o que correspondería ao instrumento xa que o resto das materias xa as aboa co primeiro instrumento.
Na quenda de mocións o BNG presentou dúas que quedaron sobre a mesa unha delas rexeitando os recurtes sociais aprobados polo goberno de Zapatero e propondo outras medidas para aforrar, e outra apuntado a posibilidade de que o concello se dirixa aos consignatarios do porto de Vigo para que os cruceiristas poidan facer excursións a Tui e incrementar así o turismo que recibe a cidade. As dúas quedaron sobre a mesa para o seu estudo en comisión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario